Buscar un consumo responsable, desde a fabricación do produto ata á súa eliminación é posible grazas á economía circular. O sistema minimiza o impacto ambiental durante todo o ciclo de produción e consumo

Hai un ano estivemos na casa dunha familiar na que se acababa de instalar. Aínda tiña moitas cousas das donas que lle dixeran que non querían. Comezamos a abrir bauis e atopamos moitísimas colchas dos anos 60 e 70, e nai e filla empezamos a rifar por quen quedaba con cal. Cando iamos polo terceiro baúl deixamos de apoderarnos de cada tea que saía deles e preguntámonos que iamos facer con tanta colcha se ningunha tiña tantas camas. 

Coas augas máis calmadas, repartímolas e marchamos cada unha coas nosas. Despois de deixalas durmir por un tempo en casa, un día prendeuse unha bombilla e decidimos que esta, esta e aquela eran perfectas para facer isto, e esta e as outras para facer aquilo. Integrabamonos nun modelo que se coñece como economía circular. Pero que é exactamente a economía circular?

A economía circular xorde en resposta ao escenario tradicional de produción e consumo, que se trata dun sistema lineal: á extracción de recursos e ao tratamento para convertelos en materia prima séguenlle a montaxe e a eliminación. Implica un consumo de recursos e enerxético moi grande, así como a xeración de gran cantidade de residuos.

Xeramos 10.000 millóns de toneladas de refugallos en todo o mundo nun só ano e ademais a maioría dos produtos que consumimos non están pensados para a súa reciclaxe. A economía circular busca minimizar o impacto ambiental dun ben no seu deseño, fabricación, transporte e consumo. Aproveitar os recursos durante todo o ciclo de vida deste produto e aumentar a súa durabilidade son dous dos obxectivos que se plantexan neste sistema, onde os refugallos derivados do fin de vida dun ben usado pasan a ser materias primas segundarias e a entrar de novo no ciclo de produción.


Xeramos 10.000 millóns de toneladas de
refugallos en todo o mundo nun só ano



Coa eco-concepción comeza o cículo, tendo en conta desde a concepción do produto os impactos medioambientais deste. Cando un produto non responde ás necesidades iniciais con que foi creado, pódeselle dar o segundo uso, é dicir, reintroducilo no mercado cunha finalidade diferente. Tamén se lle pode dar unha segunda vida a produtos estropeados, por medio da reparación. Cando non ten máis vida útil, o refugallo convérsese en recurso: a parte biodegradable, por un lado, volta á natureza, mentres que a que non é biodegradable pode reutilizarse, enteira ou en parte, para a fabricación de novos produtos.

reciclaxe aparece despois e utiliza as materias que se atopan nestes residuos, mentres que a parte que non se pode reciclar pode pasar pola valorización: o aproveitamento enerxético dos refugallos. 

Para completar os dez puntos básicos da economía circular existe o concepto de economía da funcionalidade, que busca substituír a adquisición de produtos polo consumo de bens permitindo o aluguer de determinadas cousas co obxectivo de reducir a súa compra. Tamén se considera o uso de enerxía de fontes renovables dentro do proceso produtivo de fabricación e reciclaxe, e a ecoloxía industrial e territorial, que permite que as industrias dun mesmo territorio partillen prácticas sostibles.

Xersei elaborado a partir dunha antiga colcha dos anos 60-70, con estampado de flores, follas e ramas verdes sobre fondo branco e rematado con tea de algodón azul celeste con estampado de flores
Túnica aberta larga elaborada a partir dunha antiga colcha dos anos 60-70, con botóns automáticos de metal con estampado en gris e flores en azul e verde sobre fondo branco

A #ModaAModiño é un modelo de fabricación e consumo que defendemos desde Carballo Artesanía ligado completamente á economía circular. Mentres que a moda rápida ou Fast Fashion se corresponde co modelo de produción tradicional lineal do que falabamos ao principio deste artigo, exacerbado pola necesidade creada de consumir máis e máis e estar á última en todas as tendencias, a Moda a Modiño procura diminuír o impacto de todas as fases do proceso reducindo ao mínimo os refugallos. 

Despois de deixar durmir aquelas colchas durante varios meses, armadas con tizas e tesoiras, confeccionamos unha serie de pezas. Algunhas completámolas con teas, fíos e agullas. O resto quedou coa personalidade íntegra do propio textil. Unhas son agora os xerseis As Neves e outras as túnicas Cabanas

Esta é unha das accións que levamos a cabo na nosa actividade para minimizar o noso impacto ambiental. E ti, formas parte da #EconomíaCircular ?