Hoxe cúmprense 7 anos do derrubamento do edificio Rana Praza en Daca, Bangladés. Alí confeccionaban marcas como El Corte Inglés, Mango, Auchan, Bennetton, Primark ou Carrefour e o 24 de abril de 2013 morreron 1.134 e resultaron feridas outras 2.000 persoas.
O maior desastre da industria téxtil puxo sobre a mesa as profundas desigualdades nas que se basea o sector da moda, que aposta desmedidamente polo modelo da moda rápida ou fast fashion, pola deslocalización masiva da produción e pola precariedade laboral.
A deslocalización da produción
Ao final dos anos 90 deu comezo a deslocalización do sector, facilitado pola liberalización do comercio mundial, pola desregularización laboral e polo abaratamento do transporte marítimo. Países como España levaron a súa industria a países como Portugal ou Marrocos, e posteriormente ao Sudeste Asiático.
En países como Bangladés, Camboya, India, Indonesia, China e Turquía a fabricación téxtil representa unha grande porcentaxe da economía. Segundo expón o informe Salarios dignos 2019 da Campaña Roupa Limpa as marcas sortean o tema dos soldos co argumento de que non existen salarios dignos acordados universalmente. “Porén, as estimacións e as escalas salariais convertéronse nunha ferramenta chave para fixar que é un salario digno e traballar para garantir o seu pagamento”, explica o informe. Así pois, conclúen que o salario mínimo legal destes países é entre 2 e 5 veces máis baixos que o salario mínimo dos indicadores de referencia, como o esixido polos sindicatos ou o Asian Floor Wage 2017.
Os problemas do sector téxtil teñen rostro de muller. A inmensa maioría das operarias que confeccionan roupa son mulleres, moitas en condicións de traballo insalubres e en situación de explotación. O informe Fecha a fenda! O custo da desigualdade no traballo das mulleres de Actionaid estima en 9 billóns de dólares o custo anual que soportan as mulleres de países en desenvolvemento pola fenda salarial e a costa do menor acceso das mulleres a traballos remunerados fronte aos homes. A escritora e xornalista británica Lucy Siegle advertiu que a moda rápida non é de balde: “Alguén, nalgún sitio, está a pagala”.
“A moda rápida non é de balde. Alguén, nalgún sitio, está a pagala”
As condicións no final da cadea
Tamén é un rostro de muller o que vende a roupa. A maioría das traballadoras do comercio de moda son mulleres, en condicións de precariedade laboral en gran parte dos casos. Contratos eventuais eternos, medias xornadas que se converten en xornadas completas a base de horas extra, almacéns abarrotados de mercadoría, fenda salarial, calendarización mensual que impide a conciliación, control sobre o aspecto físico e relegacións das dependentas de maior idade a zonas pouco visibles son as condicións nas que desenvolven a súa actividade milleiros de traballadoras da multinacional Inditex en Galiza, segundo denuncian os sindicatos. As prácticas das grandes empresas do sector retail adoitan ser xeralizadas.
A revolución da moda sostible
Tras o desastre de Rana Praza xorde a organización Fashion Revolution. “Amamos a moda. Pero nós non queremos que a nosa roupa explote a persoas ou destrúa o planeta. Esiximos un cambio radical e revolucionario”, reza o manifesto que reúne máis de 10.000 sinaturas. Nesa busca por deixar atrás unha industria mundial pouco transparente, explotadora e perxudicial para o medio ambiente crean a campaña #whomademyclothes, #quenfixoamiñaroupa, convidando ás consumidoras a preguntar ás marcas por quen fixo a súa roupa e en que condicións.
A revolución da moda sostible tamén ten rostro de muller. 8 de cada 10 persoas que traballan na industria da moda no mundo son mulleres. Tamén o somos moitas das pequenas creadoras, deseñadoras e artesás que apostamos pola moda a modiño, a slow fashion.
Quen fixo a miña roupa?
Detrás das agullas de Carballo Artesanía estamos Áurea e Eva Carballo, nai e filla respectivamente. Comezamos o noso proceso deseñando os nosos artigos e buscando os materiais, ou encontrando os materiais e deseñando a partir deles. Confeccionamos un por un os nosos produtos: facemos patróns, cortamos, cosemos, pintamos, bordamos, texemos, ganchillamos, e todo o que se nos ocorra. Tamén confeccionamos e estampamos as nosas bolsas e deseñamos as nosas etiquetas (que son marcapáxinas para non producir refugallos). Poñémoslle nome a cada modelo, o dun concello galego, numeramos os artigos e rexistrámolos no noso libro de deseños. Tamén nos encargamos das fotos, dos textos, da web, da venda e de todos os aspectos relacionados cos nosos produtos.
Apaixoadas do téxtil e fartas da moda rápida, confeccionamos a moda que nos gusta consumir. Defendemos o medio ambiente, o consumo responsábel, os dereitos laborais, creando pezas de xeito artesanal e coidando todos os aspectos relacionados.